Wednesday 15 de May de 2024

Este sábado a canceira de Ordes acolle a ‘Festa dos cans’


A xornada de portas abertas permitirá o contacto directo cos exemplares que actualmente residen no centro. Tamén se informará sobre o sistema de adopción ou acollida co fin de acadar a súa desaturación

Este próximo sábado, 30 de xullo, de 10 a 20 horas a canceira de Ordes abrirá as súas portas ao público xeral. ‘A festa dos cans’ é unha iniciativa coa que se pretende dar a coñecer as instalacións municipais, ao mesmo tempo que se permite o contacto directo cos exemplares que neste momento residen no centro situado no polígono industrial de Merelle.

Con esta medida tanto os concellos da comarca como a Asociación Amigos da Canceira de Ordes Segunda Oportunidade queren incidir na importancia de evitar o abandono animal e dos beneficios que supón adoptar un can. Tamén se insiste na posibilidade do sistema de acollida temporal en casas particulares á espera de familias adoptantes. Todo isto nun momento no que a canceira presenta un elevado número de exemplares, o que obriga a falar de saturación nas súas instalacións. De cara a melloralo faise un chamamento á poboación para que axuden, ben facéndose socios, voluntarios, acollendo exemplares ou adoptándoos.

Tamén se insiste nos beneficios que supón a convivencia cun can, entre os cales destacan as melloras no estado de ánimo dos seus amos, ou a sociabilidade que suscitan. Ademais son altamente aconsellables para as persoas que teñan que realizar camiñadas ou paseos.

Ao longo deste sábado tamén se informará da normativa vixente en materia de tenza deste tipo de animais, así como doutros aspectos como a obrigatoriedade de instalar o microchip, as sancións por abandono ou maltrato, ou a importancia de esterilizar os animais domésticos de non desexar camadas.